Arquivo do blog

4. SEÑORES E VASALOS: O FEUDALISMO

Cando a a monarquía- é decir, o rei- non podía garantir a seguridade e a paz dos seus súbditos ante os inimigos ( p.ex: vikingos, eslavos, ….), comeza un proceso polo cal a sociedade busca protexerse.

“ Os cristiáns son en todas partes vítimas dos ataques, pillaxe, devastacións e incendios dos normandos “ ( ano 857 )

“Dise que morreron trinte e seis mil, sen contar os que afogaron no río nen os que foron feitos prisioneiros” ( ano 933, sobre os ataques dos húngaros ou maxiares)

Nun principio, os donos das terras organizan os seus propios exércitos para defender as súas posesións e as colleitas, os servos e colonos.

Xa vimos coma o campesiño, ó solicitar a protección a un señor, convértese no seu servo e perdía practicamente a súa liberdade (a isto chamábamoslle encomendación ).

Pero no feudalismo só os que podían servir ao señor en armas eran totalmente libres. Como decía a Capitular do ano847 de época carolinxia:

“ Queremos tamén que cada home libre no noso reino escolla un señor, o que queira, nós mesmo ou un dos nosos fieis “.

 No acto de homenaxe se establecía unha relación persoal entre homes libres. O señor acollía entre as súas mans as do vasalo e, acto seguido, cun bico ou ósculo se xuraban fidelidade mutua ( fides ):

  • O vasalo prestará consello e a súa axuda militar ( prestar servizo de armas ao señor a cabalo: de aí o nome de cabaleiros ) ao señor.

  • O señor entregáballes un feudo ( terra e servos) que lle permitía vivir ao vasalo.

Un documento da época conta o ritual de homenaxe:

“ Quen tome homenaxe debe tomalo así: quen o presta debe xuntar as mans e decir: “Señor, convértome no voso home para sempre, sereivos fiel e leal, coma señor meu; convértome no voso home segundo as rendas que o feudo proporcione”. E o señor debe respostar: “ Eu recíbovos coma home; e dareivos fe coma tal; e bícovos en de dilo”.

 

Este sistema ( base do feudalismo) supoñía, logo:

  •   Terras a cambio de defensa.

  •   Dereitos sobre o campesiñado do feudo

  •   Lazos persoais de unión señor – vasalo.

 Lembra que Carlomagno puxo as bases destas relacións feudais ao conceder condados e marquesados. O seu neto, Carlos o Calvo , na Capitular de Querzy (ano 877) fixo que os condados foran hereditarios ( ata ese momento non o eran ).

“ Se algún  dos nosos fieis despois da nosa morte quixera renunciar ao mundo e tivera un fillo ou un achegado capaz de gobernar o estado, que se lle autorice a transmitirlle os seus honores. E si quixera vivir tranquilamente no seu alodio, que ninguén ouse obstaculizalo en nada e que non se lle asixa nada salvo prestarse á defensa da patria”

¿Qué importancia ten isto? A partir dese momento, os vasalos directos do rei poden dividir os seus territorios en feudos máis pequenos. Nace así unha escala feudal:  rei – duque – marqués – conde – vizconde – barón – cabaleiro ou miles ( de aí o nome “militar” ). Eran os nobres , o estamento privilexiado, ao que se une a xerarquía da igrexa: o alto clero ( papa – arcebispos – bispos – abades e abadesas ). Así por exemplo, os vasalos directos do rei eran os 12 Pares de Francia : 6 nobres e 6 do clero. Ou mesmo as lendas sobre o Rei Arturo e Camelot, cos 12 cabaleiros da táboa redonda.

En Galicia temos o seguinte exemplo de cesión de territorios ( feudo ) de Dona Urraca, raíña de Galicia no S XII, ao Conde de Traba Pedro Froilaz:

“Eu a raíña Dona Urraca, dou e concedo aos condes don Pedro e á condesa dona Maior, as enriba nomeadas vilas e igrexas e castelo (…) Quero qe teñades todo isto como propiedade vosa e dos vosos fillos e de toda a vosa descendencia, e que fagades con elo toda a vosa vontade”

 

O rei, nestas relacións de vasalexe feudal, perde poder.

Neste documento do S XII, referido á cidade de Bruxas, enBélxica, detállase o rito da homenaxe:

 “ O día sete dos idus de abril, xoves, foi de novo prestado homenaxe ó conde. En primeiro lugar, fixeron a homenaxe do seguinte xeito:

O conde preguntoulle si quería facerse por enteiro vasalo seu e el respondeu: “Si, quero”, e xuntando as súas mans o conde apretounas entre as súas ó mesmo tempo que quedaron ligados un ó outro por medio dun bico.

En segundo lugar o que prestara vasalaxe fixo xuramento de fidelidade nestes termos: “ Eu prometo, na miña fidelidade, ser fiel de agora en diante ó conde Guillelme e gardarllea miña homenaxe por enteiro e protexelo contra todos de boa fe e sen enganos”.

E en terceiro lugar xurou sobre as reliquias dos santos. Despois, o conde cunha vara que tiña na man dou as investiduras a tódos os que por medio deste pacto lle prometeran protección, rendindo vasalaxe e prestado xuramento”.

AS RELACIONS FEUDAIS 2