Consellos …
A escala
Nunha liña do tempo, é moi importante que haxa unha escala proporcional nas etapas e nas distancias entre as diferentes datas. Non podemos poñer 2 centímetros ente o ano 1868 e 1874 (6 anos) , para despois establecer que entre os anos 1975 e 2019 (44 anos) hai 7 centímetros, cando debería ser 14,66 cms. Facendo unha simple regra de tres podemos facer os cálculos correctos.
Para que a escala non só sexa a correcta senón que tamén evite que a liña do tempo sexa ou excesivamente longa ou moi pequena, seguide estes consellos:
- Unha vez establecidas as dúas datas, de inicio e final, da liña do tempo, calculamos cantos anos terá .
- Multiplicamos este número de anos por “x” mm ou cm por ano. Imaxinemos que son 300 anos e multiplicamos por 3 mm/ano; serían 900 mm, é dicir, 90 cm. Necesitariamos un mínimo de 3 follas A4, p.ex.
- Decidimos se o tamaño da liña é o adecuado ou temos que cambiar a escala porque a liña quede moi grande ou pequena.
- Temos que facer estes cálculos para a liña persoal e a de aula. Loxicamente serán ben distintas en tamaño e escala.
Elaboramos a liña do tempo
Deseñamos a liña do tempo (liñas, barras, reloxo, espiral, camiño, escaleira…) e imos escribindo os fitos (datas, personaxes, acontecementos, etapas …), os textos que correspondan (breves) e as imaxes. Propoñemos algúns consellos:
- Os anos escríbense con números arábigos (1.235, 567 …) e os séculos en números romanos (s VI, s XII) De haber dúbida poñemos a.C. (antes de Cristo) ou d.C. (despois de Cristo)
- A cada liña e incluso etapa dámoslle distinta cor.
- Podemos inserir a información de xeito horizontal, vertical, diagonal, na parte superior e inferior, ou con marcos unidos cunha frecha á barra. Combinando as diferentes formas, aproveitamos mellor o espazo e así a liña do tempo será máis clara e didáctica.
- Incorporamos debuxos, mapas e imaxes ilustrativas.
- Pode que nos atopemos con que hai etapas concretas da liña que poden ter moitos fitos xuntos e que nos quedan demasiado “apretados” Neste caso, e co obxectivo de clarificar a liña, podemos facer outra liña por debaixo ou por riba que use outra escala, unindo o principio e final das dúas liñas con frechas. Tal como así:
- Tamén pode ocorrer que haxa unha etapa demasiado longa, con poucos fitos e desvirtúe dalgunha maneira a comprensión xeral da liña. Neste caso podemos “cortar” a etapa do seguinte xeito:
Outra opción, é elaborar a liña do tempo online. Estas son algunhas opcións de ferramentas on-line:
- Office Timeline: Permite facer liñas do tempo on-line ou en Power Point cunha serie de modelos que pode modificar, proxectar, gardar en formatos jpg ou pdf …
- MyHistro: Ten a posibilidade de plasmar a historia nun mapa, con texto, vídeo, audio, imaxes … que podemos publicar online ou exportar a pdf.
- Hai moitas outras opcións: Timeline, Tiki-Toki, Rememble, Timerine, Freetimeline …