7. O CAMBIO CLIMÁTICO
Le o texto que é un fragmento do libro “A vinganza da Terra. A teoría de Gaia e o futuro da humanidade” do químico e meteorólogo inglés James Lovelock e contesta as cuestións que aparecen ao remate.
“Grazas ao concepto de Gaia hoxe vemos que o noso planeta é totalmente distinto aos seus irmáns mortos, Marte e Venus. Como se fora un de nós controla a súa temperatura e composición en función do seu benestar, e lévao facendo desde que empezou a vida, hai máis de tres mil millóns de anos. Dito sen rodeos, os planetas mortos son como estatuasde pedra, que, metidas nun forno e quentadas a 80ºC non sofren ningún cambio. Se a vostede e a min nos meteran nese forno, morreriamos. Á Terra sucédelle igual.”
-
Por que di que Venus e Marte son irmáns mortos da Terra?
-
Cando o autor fala de meter a Terra nun forno a 80ºC, que quere dicir?
-
Á vista deste pequeno fragmento, cal cres que é a preocupación deste científico?
Preme na imaxe
Que é o cambio climático e por que nos preocupa?
O clima da Terra sempre sufriu cambios ao longo da historia. Pero actualmente estamos a percibir que o clima está cambiando cunha tendencia cara ao quentamento global cunha velocidade que nos preocupa.
E isto ten moito que ver coa emisión de gases á atmosfera, entre os que destaca o dióxido de carbono (CO2), gases que son resultado da combustión do carbón e do petróleo,. Sabemos que eses gases teñen a propiedade de reter a calor: é o efecto invernadoiro (tal e como o fai o vidro dos invernadoiros). Por iso a eses gases se lles chama “gases de efecto invernadoiro”.
Cales son as probas, as evidencias?
1. As dúas últimas décadas tiveron unha tendencia ao aumento da temperatura global.
A temperatura media da superficie terrestre subiu máis de 0,6ºC durante os últimos anos do século XX. En España subiu 1,5º, máis de 3 veces a media mundial.
2. Hai un claro cambio no ciclo das estacións do ano.O adiantamento da primavera biolóxica e o atraso da chegada do inverno, de tal xeito que o período de floración de moitas especies adiantouse 5 días por década nos últimos 50 anos, é decir, aproximadamente un mes. Isto está alterando o equilibrio no funcionamento dos ecosistemas. A chegada das andoriñas adiantouse unha media de 10 días nos últimos trinta anos.
3. Relacionado co aumento de temperatura , constátase a diminución da superficie xeada do Ártico e a desaparición de glaciares o que se relaciona co aumento do nivel do mar uns 15 cm neste século pasado.
4. Rasgos anormais no clima dalgúns lugares: Aumento da frecuencia e a intensidade de furacáns, sequías prolongadas nuns lugares, inundacións noutros, inusuais vagas de frío ou calor …
Cales son as causas?
Esta é a evolución do problema ao longo da historia:
1. Cambio na maquinaria e nas fontes de enerxía. Hai uns 200 anos,na época da revolución industrial o home empezou a cambiar o uso de máquinas e ferramentas manuais ou tiradas por enerxías como a animal (p.ex. no transporte), eólica ou acuática (por exemplo nos muíños), por outras nas que se necesitaba o uso de enerxías de orixe fósil: primeiro o carbón (nas máquinas de vapor: dos antigos ferrocarrís a vapor) e logo o petróleo (nos motores de combustión interna: como os dos automóbiles).
2. Isto foi a base dun forte crecemento económico e industrial, pero tamén demográfico (nestes 200 últimos anos multiplicouse a poboación mundial por 6 aproximadamente), medrando como lle sucede a unha especie cando chega a un lugar onde non ten límites na obtención dos recursos que necesita. Isto leva a un aumento esaxerado do consumo enerxético. Desde que se empezaron a usar os combustibles fósiles ( en especial o carbón e o petróleo) ata hoxe non só aumentamos o consumo enerxético por ser máis, senón que tamén nos volvemos máis egoístas no consumo
3. Así, estamos a botar á atmosfera cada vez máis gases de efecto invernadoiro como o CO2. Así, chegamos á situación actual: aumento do efecto invernadoiro. Máis da metade deses gases de efecto invernadoiro queda na atmosfera ( a outra metade é absorbida polo océano e polos vexetais na fotosíntese ). Sabemos que eses gases reteñen a calor e que axudan a regular a temperatura. Sen ese tipo de gases na atmosfera habería unha temperatura moito máis baixa na Terra, tanto que a vida non sería posible.
Pero estamos facendo que a cantidade destes gases sexa máis grande do normal, podendo producir un aumento da temperatura global, aumentaron especialmente nos últimos 50 anos pola proliferación do uso de transporte tanto aéreo como terrestre, da produción de enerxía mediante centrais térmicas e de procedementos industriais que requiren moita enerxía e producen CO2 nos seus procesos, como é o caso das industrias do cemento.
Para poñerche un exemplo ben claro, un planeta que é un “invernadoiro perfecto” é Venus, pois estando ao dobre de distancia do Sol que Mercurio ten máis temperatura, pois posúe unha atmosfera de aproximadamente 95% de CO2 o que fai que se acaden temperaturas de 464ºC tanto de día como de noite.
Esta diferenza nula entre a temperatura diúrna e nocturna pon de manifesto o papel deste gas como regulador da temperatura, sobre todo cando se compara con Mercurio, sen atmosfera e que ten unha diferenza noite–día duns 620ºC. Tamén este gas explica que a dobre de distancia do sol Venus sexa máis quente que Mercurio, o que pon de manifesto a eficacia do CO2 para reter a calor.
“Cando queimamos combustibles fósiles facemos que a Terra se pareza algo máis a Venus, é dicir aumentamos o efecto invernadoiro ou o que é mesmo, o quentamento global da terra”.
Cales son as consecuencias?
-
Cambios nas paisaxes . En Galicia a paisaxe cada vez se vai facendo máis seco e mediterráneo; no Sur de España hai unha desertización clara.
-
Aumento das secas.No último século reducíronse nunha cuarta parte as precipitacións no Sur de España
-
Riscos de incendios, ao haber máis secas
-
Aumento de erosión. Tanto as secas como os incendios favorecen que se perda a vexetación que retén o solo, o que favorece os procesos de desertización.
-
Inundacións .A alteración do sistema climático pode favorecer un aumento do período de chuvias fortes, en áreas non preparadas para acoller tanta cantidade de auga.
-
Aumento da temperatura da auga do mar . Por esta razón a Gran Barreira de Australia duns 2.000 km2 perdeu máis dun 60% da súa superficie, quedando na actualidade só uns 1.200 km2. Por outra parte pode haber migración de especies mariñas cara o norte buscando augas máis frías.
-
Desxeo e da subida do nivel do mar. A subida de temperatura global provoca o desxeo que estáfacendo desaparecer o xeo dos glaciares e fai xurdir o desxeo de neves perpetuas nas altas cordilleiras .Este proceso é especialmente notorio no caso do Ártico. A auga doce do desxeo vai alterar as correntes mariñas oceánicas diminuíndo a súa capacidade termorreguladora e potenciando aínda máis o cambio climático. Este desxeo e a dilatación da auga por aumento da temperatura provoca a elevación do nivel do mar. En Galicia isto suporía a perda de praias, dunas, marismas e humedais, con especial repercusión naquelas zonas onde se constrúe a nivel do mar. Pero noutros lugares como Bangladesh que ten enormes planicies próximas ao nivel do mar pódese perder a superficie onde están as casas duns 17 millóns de habitantes. Cidades como Venecia xa están a vivir esta problemática, e nela está prohibido habitar os baixos.
-
Refuxiados climáticos.O cambio climático non só afectará aos pobos ligados a existencia do xeo ártico como os inuíts. Os demais efectos do cambio climático expostos que implican inundacións, secas, furacáns, etc., afectan aos países máis pobres e menos responsables das emisións.
Somos tod@s igual de culpables?
Para respostar, podes analizar estes datos do reparto de consumo enerxético no mundo: quen consume máis?. Polo tanto, quen emite máis gases de efecto invernadoiro?. Somos todos igual de culpables?
E ti, que podes facer?
…
” O máis triste é que non poidamos deter as emisións a tempo. Pense no difícil que será para grandes nacións como China, India e Estados Unidos contrarrestar a inercia das súas enormes poboacións. Pase o que pase, temos que deixar os combustibles fósiles o antes posible, porque incluso se xa pasamos o punto de non retorno que fai irreversible o cambio climático, o ritmo e alcance dese cambio adverso depende do que fagamos. O noso obxectivo debe ser conseguir o mundo menos quente posible.”
(James Lovelock , A vinganza de Gaia)
Preme na imaxe
Posted on 14 de Febreiro de 2012, in 1º ESO, xeografía and tagged Cambio Climático. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0